Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira. Esta é unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión. Ben é verdade que sen ‘’mulleres de armas tomar’’, moitas de nós non teriamos chegado a medrar nas condicións en que o fixemos e o noso vagar tería sido moito máis penoso. En aras de poder facer unha pequena homenaxe ás mulleres en xeral e a estas en particular polas súas circunstancias máis coñecidas popularmente, foi polo que nos decidimos a emprender tamaña empresa, nada doada, por certo. Nada doada, porque as eruditas e os eruditos practicamente o dixeron todo destas tres mulleres e tampouco se pretendía nin pretende atopar incunábeis que se refiran a elas, nin facer unha profunda investigación, só transmitir o pulo que mulleres como elas lle deron á mesma historia, o que loitaron, o que sufriron e só polo simple feito de pertencer a un xénero que non era o protagonista da historia nos momentos que lles tocou vivir. Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes. Non se pretende facer historia “compensatoria” falando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que “o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo”. E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.