A Aurora gústalle correr. Se cadra é por iso que foxe con facilidade de tomar decisións e busca acubillo no sarcasmo contido. Dende que por fin puido regresar da Vilalba dos seus pais á Barcelona da súa infancia, o peso da orixe abre nela fendas que non sabe como xestionar. A proxección de si mesma na cidade, o rexeitamento e a vergoña, fan que por veces esqueza que foi en Vilalba, ese lugar que tanto detesta, onde coñeceu unha das persoas máis importantes da súa vida: a súa amiga Saínza. Dende a súa liña de saída torta, Aurora busca seguir correndo cara adiante sen matinar no percorrido, concentrada no seu traballo como xornalista de deportes e nos espazos dunha vida na que todo, en aparencia, está dentro do agardado.» As cousas que non queremos oír» explora o alleamento, os límites do corpo e a enfermidade, os afectos e a busca das certezas cando o mundo enteiro se esfarela. Porque de cando en vez a vida nos interroga sen que poidamos atopar respostas definitivas, máis que a forza de afondar na nosa propia debilidade para renacer