O narrador en primeira persoa, un aspirante a escritor, seguirá os pasos de Charles Strickland, un anódino axente de cambio residente en Londres que se revela como un home túzaro, egocéntrico e obsesivo; así, unha vez que decide facer da pintura a súa razón de ser, Strickland non vacilará en renunciar á súa vida acomodada e principiar, con inusitada intrepidez, unha desconcertante aventura lonxe de Inglaterra.

A presente obra, publicada orixinalmente en lingua inglesa en 1919, é asemade unha sátira dos costumes eduardianos e vitorianos e unha novela inspirada na vida do pintor francés
Paul Gauguin, sempre consonte a versión extrema e mitificada que del trasladou a prensa da época e os testemuños que deron conta do particular carácter do artista, no cal confluían virtudes e graves eivas; entre estas últimas, algunhas verdadeiramente notables, por exemplo a soberbia, un egoísmo extremo e certos comportamentos violentos e abusivos.