Os poemas que compoñen Caracois de Belvís, de Lupe Gómez, merecedores do II premio SELIC de Santiago de Compostela no 2019, “foron escritos como oracións espirituais ou cantares de amor”. Así o expresa a propia autora nun paseo pola serenidade da pedra magoada, en Belvís, desde onde a vista acolle unha Compostela que nos envolve. Un texto que xa forma parte do mapa poético da cidade. Cos ollos abertos dunha vaca, ou dunha becerra, abraiados por tanta fermosura do cotián, é como nos guía Lupe Gómez de ganchete a través das súas sorprendentes metáforas, no gume, a piques de romper o silencio de claustro (o silencio é o repouso dunha ave responsable, p. 23) que vai tecendo ao longo do percorrido. Unha sosegada excursión en sete etapas coa percepción dunha nena sen contaminar, capaz dos debuxos máis ousados, das cores vivas e sinxelas, sen outro medo que o gardado no peto para as ocasións.