Un escuro rumor talo silencio é unha novela de ciencia-ficción de corte futurista na que se narra unha catástrofe ecolóxica desencadeada pola ambición humana nunha bisbarra do noroeste da Península Ibérica (Clunia Vella) a finais do século XXI. A carón de prácticas xenéticas aberrantes e das novas tecnoloxías e adiantos científicos cos que se ilustra o retrato dun mundo deshumanizado e hipertecnificado, no relato teñen cabida os problemas máis habituais na nosa sociedade: a alienación das clases populares, a marxinación e o clasismo derivados dun capitalismo feroz, a conivencia política e a desmedida cobiza empresarial; aos que tamén se engaden os riscos derivados dun pseudoprogreso que pon en perigo o equilibrio ciencia-conciencia. No medio deste panorama apocalíptico, un científico axudado dun grupo de amigos e seguidores terá que loitar contra o caos que ameaza con destruír o planeta.